Novas aulas infantis da A.C. Trépia
Venres, 10 Outubro 2014 07:38
A Asociación Cultural Trépia vén de poñer en marcha o programa Tátara-tátara, un ambicioso proxecto de formación musical para os máis pequenos que parte da base da música e instrumentos tradicionais.
Inda con todo, as actividades están enfocadas ao desenvolvemento musical e expresivo en xeral, á aprendizaxe dinámica na execución con instrumentos de calquer tipo de música, e á exploración dos recursos creativos de cada alumno.
Así, o rograma desenvolve-se en diferentes actividades, dependendo da faixa de idades: dos 3 aos 6 anos oferta-se a actividade de “Brinquedos Musicais”, que traballa a expresión musical, música e movemento; coa intención de desenvolver no alumnado unha base sólida sobre a que traballar con posterioridade a musicalidade.
Xa a partir dos 7 anos de idade, o alumnado pode escoller ata tres distintos itinerarios: O “Leirado dos ailalás” (adicado á pandeireta e o canto tradicional); o “Leirado dos pulos” (de baile tradicional) ou o “Leirado dos trebellos”.
Neste último o alumno escollerá un dos instrumentos ofertados (clarinete, violín, arpa, gaita e frautas, guitarra e buzuqui, zanfona ou acordeón diatónico) máis unha sesión complementar de expresión musical e conxunto instrumental.
Grazas a un convenio de colaboración entre a A.C. Trépia e a ANPA do CEIP Barcelos, o programa Tátara-tátara desenvolverase nas instalacións deste centro escolar ubicado no corazón da cidade.
As actividades comezan desde xa, inda que a matrícula se manterá aberta ata o 31 de outubro. Para máis información sobre o proxecto, horarios e prezos pódese consultar a web da A.C. Trépia en www.trepia.org, ou no e-mail de contacto Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo