A ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS PIDE MÁIS SEGURIDADE NOS PASARRÚAS
Martes, 15 Xullo 2014 15:09
A AGG fai un chamamento á responsabilidade en relación ás prácticas que poñen en risco a seguridade dos músicos e artistas tras o accidente ocurrido en San Cristobal da Lama (Pontevedra)
As autoridades non poden permitir, e deben sancionar este tipo de actuacións neglixentes
A Asociación de Gaiteiros Galegos traslada, a través deste comunicado, un chamamento á responsabilidade por parte das comisións de festas e organizadores de eventos con respecto ás prácticas que poñen en risco a seguridade dos músicos e artistas.
Tras o accidente ocorrido en San Cristóbal de A Lama (Pontevedra) no que unha camioneta, dende a que se estaban a lanzar bombas de palenque e que a súa vez transportaba aos membros dun grupo musical explotou producindo feridos graves, a Asociación de Gaiteiros Galegos perante esta actuación neglixente, reclama que en todo tipo de actos se garantice a seguridade dos participantes e se cumpra estrictamente coas normativas vixentes. Un cumprimento que se debe facer, de xeito escrupuloso, no caso de manipulación de explosivos e de transporte de persoas.
Para a AGG non é aceptable que se lles esixa aos músicos contratados que se suban a camións, remolques e outros aparellos incumprindo coas normativas de circulación e poñendo en risco a súa propia integridade. A Asociación de Gaiteiros Galegos recoméndalles aos seus asociados, e a todos os músicos e artistas en xeral, que se neguen a realizar este tipo de prácticas bastante estendidas no país.
Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos faise, tamén, un chamamento ás autoridades para que non se permitan e sancionen, este tipo de actuacións para evitar máis accidentes como o acontecido San Cristóbal de A Lama.